
PREMIO
IMPULSO UDC
Ao grupo de investigación máis competitivo
da Universidade da Coruña
Obxecto
O Consello Social da Universidade da Coruña concede o Premio Impulso UDC ao grupo de investigación da UDC máis competitivo no ámbito da investigación, a transferencia de coñecemento, a obtención de financiamento ou contribución á internacionalización da Universidade.
Candidatos
Poderán ser beneficiarios do Premio Impulso UDC os grupos de investigación que se atoparan inscritos no Catálogo de investigación desta Universidade na data de apertura do prazo de presentación das propostas de candidatura.
Criterios de valoración
A Comisión Executiva do Consello Social actuando como xurado proporá perante o Pleno do Consello Social a concesión do Premio Impulso ao candidato que destacara singularmente na consecución de obxectivos que dende a perspectiva da misión, visión e compromiso do Consello Social da Universidade resultan clave no eido da I+D+i.
En particular, valoraranse de xeito preferente aqueles grupos que destaquen:
Por orientar a súa actividade investigadora á creación e a transferencia de coñecemento innovador, que resultando útil para a resolución de problemas e/ou a satisfacción de necesidades económicas, sociais, culturais e medio ambientais concretas, contribuíra significativamente ao progreso da nosa comunidade.
Neste senso, valoraranse en particular as candidaturas que destaquen pola súa singular contribución á mellora da produtividade, competitividade e calidade das empresas galegas.
Por amosar unha singular capacidade para captar recursos procedentes de fontes de financiamento alleas á Universidade.
Por ter acadado dun xeito significativo o obxectivo de internacionalización da nosa Universidade, ao proxectar os resultados da súa actividade investigadora no eido científico, social ou cultural internacional e/ou ter fomentado a creación de lazos entre a UDC e institucións de natureza pública e privada radicadas no estranxeiro.
Estas valoracións realizaranse principalmente en base ás evidencias dos exercicios 2023 e 2024.
Presentar candidatura
Antes de presentar unha candidatura, asegúrese de cumprir as condicións indicadas nas Bases Xerais dos Premios Consello Social.
Debe cubrir o seguinte formulario e adxuntar a memoria de presentación da candidatura, seguindo as pautas indicadas na seguinte guía.