PREMIOS CONSELLO SOCIAL UDC

Bases da convocatoria
2024-2025

Convocatoria

O Consello Social da Universidade da Coruña é o órgano de participación da Sociedade na Universidade da Coruña (UDC), é a ponte de unión entre a Sociedade galega e a UDC. A súa misión é velar pola satisfacción das necesidades e expectativas da Sociedade por parte da Universidade, promovendo a colaboración entre ambas e a excelencia na docencia, na investigación e na transferencia do coñecemento científico.

De conformidade co previsto na normativa estatal e autonómica vixente, o Consello Social da UDC desenvolve funcións de control e supervisión das actividades de carácter económico da universidade e do rendemento dos seus servizos,contribuíndo, asemade, á coordinación, planificación e mellora da calidade do sistema universitario.

O compromiso do Consello Social da UDC coa modernización do Sistema Universitario Español, e co desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia é un dos seus principais obxectivos estratéxicos. Para contribuír á súa consecución, identifica, asigna recursos, coordina e supervisa proxectos Universidade-Empresa-Terceiro Sector, orientados a lograr un maior achegamento da Universidade aos intereses da Sociedade, fomentando, ademais, a reflexión colectiva en torno á cuestión universitaria, mediante unha política de comunicación proactiva, que pretende promover o diálogo público, aberto, construtivo e plural.

Neste amplo marco de actuación, o Pleno do Consello Social da Universidade da Coruña, reunido en sesión ordinaria o 1 8 de xullo de 2024, ao abeiro do previsto no art. 5 i) do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade da Coruña, aprobado por Orde da Consellería de Cultura e Ordeación Universitaria, de 11 de setembro de 2014, acordou aprobar e facer públicas as bases dos Premios do Consello Social da Universidade da Coruña 2024-2025.

Son obxectivos destes premios recoñecer publicamente o labor excelente de investigadores, estudantes, titulados, empresas e calquera entidade vinculadas á Universidade da Coruña que destaquen pola súa singular contribución ao fomento da excelencia e a innovación aplicada á colaboración Universidade-Empresa.

Os Premios do Consello Social da Universidade da Coruña 2024-2025 rexeranse polas seguintes bases.

Bases xerais da convocatoria 2024-2025

PRIMEIRA

Obxecto dos premios

Os Premios Consello Social da Universidade da Coruña 2024-2025 concédense en tres categorías:

  • Premio Confianza UDC, dirixido a empresas

  • Premio Impulso UDC, dirixido a grupos de investigación da UDC

  • Premio Emprende UDC, dirixido a estudiantes da UDC.

Os Premios Consello Social da Universidade da Coruña 2024-2025 serán entregados nunha cerimonia solemne que se celebrará no Paraninfo da Universidade da Coruña.

SEGUNDA

Presentación das candidaturas

A presentación da candidatura aos premios implica a aceptación destas bases. A Secretaría do Consello Social da Universidade da Coruña queda facultada para resolver cantas dúbidas de interpretación puidesen presentarse durante o prazo de presentación de solicitudes. As presentes bases atópanse excluídas do ámbito de aplicación material da Lei 9/2007 de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co previsto no seu art. 4.1 a).

TERCEIRA

Valoración das candidaturas

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase unha listaxe provisional de admitidos e excluídos. As candidaturas admitidas serán avaliadas pola Comisión Executiva do Consello Social, quen realizará unha proposta de concesión ao Pleno do Consello Social. No exercicio da súa función como xurado a Comisión Executiva poderá solicitar a asistencia de empresas externas,particulares, e órganos técnicos da UDC competentes por razón da materia.

CUARTA

Entrega de premios

Os premiados, ao aceptar o premio, comprometeranse a participar nas actividades e actos organizados polo Consello Social nos días inmediatamente anteriores e posteriores ao acto de celebración da cerimonia de entrega.

Os Premios Consello Social da Universidade da Coruña 2024-2025 estarán dotados con:

  • Galardón conmemorativo.

  • A empresa galardoada na categoría Confianza UDC recibirá unha dotación de dous mil cincocentos euros en equipamento tecnolóxico.

  • O grupo de investigación galardoado na categoría Impulso UDC recibirá unha dotación de dous mil cincocentos euros en equipamento tecnolóxico.

  • O/os galardoado/s na categoría Emprende UDC recibirá unha dotación de dous mil cincocentos euros en equipamento tecnolóxico.

QUINTA

Aceptación das bases

A presentación dunha candidatura supón a aceptación incondicional das bases da presente convocatoria. As persoas físicas e/ou xurídicas poderán presentar un máximo dunha candidatura aos premios de xeito individual ou colectivo. Non poderán presentar candidatura as persoas e entidades que foran galardoadas en anteriores edicións.

As candidaturas presentaranse mediante o envío do impreso oficial cumprimentado e copia da documentación acreditativa de méritos a través da plataforma da páxina web do Consello Social habilitada a tal efecto. Habilítase á Secretaría do Consello Social para que trala aprobación destas bases estableza o calendario de execución das mesmas e defina, a tal efecto, o prazo de presentación de candidaturas.